O pavillón número 1 de Fontecarmoa levará o nome de Sara Gómez

O Salnés
29 de xullo 2024

A homenaxe concretouse tras as conversas mantidas nas últimas semanas entre o goberno local, o club Cortegada e a propia xogadora. O recoñecemento farase nunha xornada festiva que incluirá un partido de baloncesto e a exposición da camiseta de Sara na galería do pavillón

Sara Gómez co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela
Sara Gómez co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela / Concello de Vilagarcía de Arousa

O pavillón municipal número 1 de Fontecarmoa levará o nome da baloncestista vilagarciá Sara Gómez. Así o acordou o goberno local tras as conversas mantidas nos últimos meses coa propia xogadora e o club Cortegada, no que desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional.

A homenaxe materializarase nunha xornada festiva que incluirá a celebración dun partido de baloncesto e a estrea da galería da fama nas instalacións de Fontecarmoa colgando a camiseta co número de Sara.

O goberno local de Vilagarcía, a través do concelleiro de Deportes, Carlos Coira, levaba xa uns meses traballando na organización da homenaxe que Vilagarcía lle ía render a unha das súas deportistas máis destacadas.

Para decidir a forma que se lle daría a ese merecido recoñecemento celebráronse varias reunións con Sara e coa directiva do Cortegada. Sobre a mesa puxéronse varias propostas, acordando finalmente a fórmula comentada.

A data do acto anunciarase tan pronto como estean pechados os preparativos e coa antelación suficiente para darlle a dimensión que se merece a homenaxe a unha muller que tantas alegrías ten dado ao deporte local e ao da canastra en particular.

Sara Gómez Ferreirós retirouse do baloncesto en 2023 con 37 anos de idade e tras 18 temporadas xogando a nivel profesional nas competicións nacional e europea.

A súa traxectoria comezou na AD Cortegada, club no que desenvolveu a maior parte da súa carreira e co que xogou na máxima categoría do baloncesto feminino.

A escolta estreouse con 15 anos como internacional española e con 16 na liga profesional. Tamén xogou nas filas do Bosco-Celta e do club catalán AE Sedis Basquet- Cadi La Seu.