O pavillón universitario acollerá finalmente o partido de Primeira Nacional entre Teucro e Gáldar

Pontevedra
24 de novembro 2022

O encontro ía disputarse no Pavillón Multiusos da Xunqueira, pero finalmente o conxunto pontevedrés buscará acubillo no Universitario para tentar dar cabida a un maior número de afeccionados

Partido entre Teucro e Tejina La Laguna no CGTD
Partido entre Teucro e Tejina La Laguna no CGTD / Cristina Saiz

O particular 'desterro' que vivirá esta próxima fin de semana a Sociedad Deportiva Teucro terá finalmente como escenario o Pavillón Universitario da cidade.

O conxunto pontevedrés recibirá alí o vindeiro domingo 27 de novembro (12.00 horas) o Gáldar canario, en encontro correspondente á liga de Primeira Nacional de balonmán.

Aínda que a sede principal do cadro teucrista segue sendo o Pavillón Municipal dos Deportes, só puido gozar dun encontro este curso nesa instalación, debido primeiro ás obras de remodelación acometidas e agora por outros eventos deportivos. De feito este domingo non poderá xogar no Municipal debido ao Campionato de España de Karate programado, e que só deixará espazo para o choque da Liga Asobal entre Cisne e Barcelona ás 19.00 horas do domingo.

Ante esta situación e ao estar ocupados tanto o Centro Galego de Tecnificación Deportiva como Príncipe Felipe, o duelo ante o Gáldar fora fixado inicialmente no pavillón Multiusos da Xunqueira.

Con este cambio de última hora o Teucro garante un maior aforo que o dispoñible na Xunqueira, para tentar dar cabida ao maior número posible dos seus afeccionados.