O Peixe Galego 'corta' o irlandés John Carroll

Marín
21 de novembro 2019

O ala-pívot, que chegou empezada a tempada a Marín comprometéndose en principio por dous meses, non convenceu ao corpo técnico polo seu baixo rendemento e convértese na segunda baixa federativa das últimas horas. A directiva busca agora cubrir o seu lugar cunha nova incorporación

John Carroll, no partido entre Peixe Galego e Mallorca na Raña
John Carroll, no partido entre Peixe Galego e Mallorca na Raña / Diego Torrado

A reestruturación do Peixe Galego non quedou na saída de Diago Quinn e a chegada do croata Filip Tončinić.

Precisamente na presentación do novo pívot, coincidindo co adestramento do equipo marinense, sobre a pista da Raña botábase en falta a outro xogador, o irlandés John Carroll.

A directiva 'peixe', seguindo o criterio do corpo técnico, decidiu 'cortar' o ala-pívot antes da finalización do seu contrato.

Carrol chegou a Marín procedente do Ostrava da Primeira División da República Checa despois de cinco xornadas de competición da Liga LEB Ouro, cun equipo marinense aínda en construción e buscando a súa primeira vitoria da tempada. Asinou entón por dous meses prorrogables en función do seu rendemento, pero os seus números deixaron moito que desexar, ao que se unían problemas físicos.

O xogador irlandés só chegou a disputar tres partidos ás ordes de Javi Llorente, promediando 2 puntos e 2 rebotes por encontro con 13 minutos de media sobre a cancha (-3 de valoración). De feito na última xornada ante o Mallorca quedou sen anotar tras 9 minutos na cancha (1 de valoración) sendo eliminado por faltas.

Agora a directiva do Peixe Galego estuda as opcións que ofrece o mercado para incorporar un substituto das maiores garantías posibles co obxectivo de que non se vexa resentida a rotación do equipo.