O Peixe Galego faise coa cesión do ourensán Rodrigo Seoane

Marín
24 de xullo 2019

O xogador galego, que pode actuar de aleiro e escolta, pertence ao UCAM Murcia. Vén de xogar no filial de Liga EBA, pero antes de aterrar en Marín fará a pretempada co equipo de ACB

Rodrigo Seoane, nunha imaxe oficial do UCAM Murcia
Rodrigo Seoane, nunha imaxe oficial do UCAM Murcia

Máis talento galaico para o Peixe Galego no que será o segundo proxecto da súa historia na Liga LEB Ouro.

O conxunto marinense confirmou este mércores a cesión do ourensán Rodrigo Seoane, xogador que pertence ao UCAM Murcia.

Seoane militou as dúas últimas campañas no filial murciano de Liga EBA, alcanzando de media este último ano 13 puntos e 5 rebotes por partido.

O novo talento galego, de 2.02 metros de altura, pode ocupar as posicións de aleiro e escolta e caracterízase por ter "boa man sobre todo de 6,75  e capacidade de  rebotear", sinalan desde a entidade 'peixe'.

Trátase do quinto xogador confirmado no equipo adestrado un curso máis por Javi Llorente, tras a renovación de Orellano e as fichaxes de Carlos Noguerol, Jacobo Díaz e Álex Mazaira.

Antes de incorporarse á disciplina do Peixe Galego, Rodrigo Seoane realizará a pretempada co primeiro plantel do UCAM Murcia.