O Peixe Galego ponse en 'modo play-off'

Marín
26 de abril 2018

A unha xornada do final da competición regular na liga EBA, o conxunto marinense enfoca a súa preparación na fase de ascenso, que comezará o 5 de maio cun duelo polo liderado da Conferencia A que determinará se accede á fase final como cabeza de serie e por tanto con dereito a organizar un dos grupos

Partido do Peixe Galego ante o Baloncesto Narón
Partido do Peixe Galego ante o Baloncesto Narón / Diego Torrado

A falta dunha xornada para que conclúa a competición regular no Grupo A-B da Liga EBA, o Marín Peixe Galego traballa en 'modo play-off', pensando unicamente na pelexa por retornar á LEB Prata.

Os de  Javi Llorente deben aínda afrontar esta fin de semana un encontro ante o Basquet Coruña na Raña (sábado 28, 19:00 horas) co único aliciente de completar unha liga regular inmaculada, con 30 vitorias en 30 xornadas, pero o obxectivo real pasa por afinar a posta a punto e sobre todo evitar contratempos físicos.

É así porque unha semana despois, o 5 de maio, comezará a pelexa polo ascenso cunha eliminatoria a partido único para determinar o campión da Conferencia A, na que o rival será o Igualatorio Cantabria Estela ou o HA Zornotza, igualados a falta dunha xornada na súa liga.

O Peixe gañou o dereito para acoller ese encontro, e en xogo estará pasar á fase final como un dos equipos cabezas de serie e por tanto con dereito que Marín sexa sede dun dos grupos.

Esa fase final, que se disputará entre o 18 e o 20 de maio, compoñerana catro equipos por grupo cun formato de liguiña a unha volta na que o campión logrará o ascenso de categoría.