O Peixe Galego prepara a visita do líder con promocións para os seus socios

Marín
16 de novembro 2018

O cadro marinense quere esquecer a derrota do mércores no País Vasco e meterse de cheo no pelotón de cabeza da Conferencia Oeste da LEB Prata, pero para iso deberá superar este domingo ao actual líder, o Igualatorio Cantabria

Público da Raña no partido entre Peixe Galego e Extremadura Plasencia
Público da Raña no partido entre Peixe Galego e Extremadura Plasencia / Diego Torrado

A Conferencia Oeste da Liga LEB Prata de Baloncesto non podía estar máis igualada. Nin a derrota do mércores no País Vasco descolgou a un Peixe Galego que, cun balance de 4-4, segue a un triunfo do primeiro posto e que quere engancharse de cheo ao pelotón de cabeza.

Para iso os de Marín deberán superar este domingo (18:00 horas) no pavillón da Raña ao actual líder da categoría, o Igualatorio Cantabria Estela.

A última vez que os dous equipos cruzáronse pelexaban por proclamarse campións de conferencia na liga EBA, a pasada campaña, con triunfo peixe por 73 a 66.

A directiva marinense quere que A Raña presente un gran ambiente e empuxe aos seus cara a vitoria, polo que preparou unha xornada de celebración, con sorteos, agasallos e actuacións de hip-hop para acompañar á emoción do encontro de liga.

Ademais os socios do Peixe Galego terán a posibilidade de retirar dúas entradas para acompañantes ao prezo reducido de 3 euros.