O Peixe Galego recorre ao baloncesto universitario estadounidense e ficha o aleiro Taiwo Badmus

Marín
20 de agosto 2018

O xogador de orixe nixeriana, internacional coa selección de Irlanda, é a décima peza confirmada polo club marinense para o seu regreso a LEB Prata. Será a súa primeira experiencia profesional tras competir o pasado curso na NCAA coa Universidade de Virginia

Taiwo Badmus, novo xogador do Peixe Galego
Taiwo Badmus, novo xogador do Peixe Galego

Suma unha nova peza o Peixe Galego para o seu regreso á liga LEB Prata, e van dez.

O último en sumarse ao proxecto do club marinense é Taiwo Badmus, xogador de orixe nixeriana e internacional coa selección de Irlanda, que afrontará aos seus 25 anos a súa primeira experiencia no baloncesto profesional.

Aleiro, de 2,01 metros de altura, chega a Marín tras completar o seu ciclo formativo na liga universitaria estadounidense (NCAA), na súa segunda división, na que a última campaña defendeu as cores da Universidade de Virginia

"É un diamante en bruto", aseguran desde o club ' peixe', desde onde esperan que lles achegue "envergadura e potencia física, ademais de bo tiro exterior".

Taiwo Badmus únese así a un plantel na que xa figuraban Antonio Pantín, Vashil Fernández, Santi Lorenzo, Juanchi Orellano, Jorge Romero, Pablo González, Víctor Holmberg, Jacobo de Benito e Gerard Sevillano.