O Peixe Galego tramita a súa inscrición na Liga EBA

Marín
11 de setembro 2017

"Este feito non supón a nosa renuncia ao que cremos é de xustiza, que é o dereito a praza na liga LEB Prata", sinala o club marinense, que xa presentou un recurso ante a Audiencia Nacional tras ser excluído da categoría

Partido entre Peixe Galego e Ourense Provincia Termal
Partido entre Peixe Galego e Ourense Provincia Termal / Diego Torrado

Empeza a mirar ao futuro o Peixe Galego tras a súa polémica exclusión, ou non inscrición, na liga LEB Prata de baloncesto, categoría na que tiña dereitos deportivos ao descender a pasada campaña desde a LEB Ouro.

O club marinense non se esquece da súa pelexa, pero iniciou os trámites para inscribir ao seu equipo absoluto na Liga EBA, cuarta categoría do baloncesto nacional.

"Este feito non supón a nosa renuncia ao que cremos é de xustiza, que é o dereito a praza na liga LEB Prata", sinala o club, que tras a resolución contraria do Consello Superior de Deportes presentou xa un recurso ante a Audiencia Nacional.

"A decisión de inscribirse na liga EBA obedece a seguir mantendo o proxecto dun deporte que é un símbolo na vila de Marín", explica o Peixe Galego nun comunicado.

En calquera caso o club criticou unha vez máis a "actitude desconcertante e arbitraria" da Federación Española de Baloncesto, que non quixo ampliar a LEB Prata tras a exclusión de Peixe Galego e Zornotza por supostos defectos de forma na documentación presentada pero si abriu esa posibilidade en EBA.