O Peixegalego, a un partido de facer historia

Marín
30 de decembro 2015

O equipo marinense prepara xa o primeiro partido do ano, o vindeiro sábado en Málaga, no que se xogarán a clasificación para a Copa LEB Prata

Partido entre Peixegalego e Covirán Granada
Partido entre Peixegalego e Covirán Granada / Diego Torrado

Cando empezou a tempada o Peixegalego non pensaba que sería un dos protagonistas na liga LEB Prata, pero co paso das xornadas o cadro adestrado por Javi Llorente foi confirmándose como a auténtica revelación da competición.

Tanto é así que, na que é a mellor tempada que se lembra en Marín, están a un partido de facer historia clasificándose para a Copa LEB Prata, unha competición que disputan o primeiro e segundo clasificado da primeira volta.

O Peixegalego é o equipo máis en forma da competición, con sete triunfos consecutivos que lle levaron á segunda praza provisional, cunha vitoria de vantaxe sobre o Lucentum, polo que se gañan o vindeiro sábado 2 de xaneiro (20:00 horas) a domicilio ao Clínicas Rincón malagueño converteranse no primeiro club galego que disputa a copa no actual formato de LEB Prata, onde espera El Bulevar de Ávila.

Os de Javi Llorente céntranse xa neste reto mentres quitan presión ante un probable play-off de ascenso a LEB Ouro, unha categoría que dá vertixe no club polo seu elevado nivel competitivo.

Sinal da boa campaña que están a realizar os de Marín é a situación de varios dos seus xogadores nos ránkings individuais, destacando Rogers como terceiro máximo anotador (17,17 puntos por partido), e Antonio Pantín e Javonte Green, que se manteñen no Top-10 de xogadores máis valorados da competición.