O Pontevedra terá que facer fronte o vindeiro domingo a un contratempo ao que non está habituado. Os granates, xa afeitos a unha categoría na que cada ano son máis numerosos os terreos de herba sintética, terán que competir tamén nun terreo de xogo de dimensións reducidas.
O estadio do Llanera, rival ao que se enfrontarán os de Ángel Rodríguez o domingo a partir das 17 horas, ten unha superficie de 90 metros de longo por 56 de ancho. Un tamaño que contrasta co do terreo de xogo de Pasarón, que este ano viu reducido nos metros a súa lonxitude para quedar en 103 por 68 metros.
A diferenza de tamaño entre un campo e outro pode supoñer un factor diferencial á hora de plantexar o encontro. A estreiteza do mesmo e a súa limitada lonxitude facilita formulacións defensivas e estruturas pechadas. Unha situación na que os granates xa demostraron non sentirse nada cómodos esta tempada.
As reducidas dimensións do campo de fútbol Pepe Quimarán, que ten unha capacidade próxima ao milleiro de espectadores, salta á vista.
A distancia entre a liña de banda, tendo en cuenta que o ancho regulamentario da área de penalti ascende a 40,32 metros, e o interior da área non alcanza os oito metros, polo que calquera saque de banda pode ser tan perigoso como un córner.
Unha situación que, a pesar de non estar afeitos, pode favorecer aos granates que contan nas súas filas con dúas dos mellores rematadores de cabeza da categoría como Rufo e Charles, que terán que baterse coa corpulenta defensa rival para perforar a portería dun Llanera que promedia como local un gol e medio encaixado por partido. Unha media moi similar á de goles anotados, con 20 tantos a favor en 12 encontros disputados no Pepe Quimarán.