O piragüismo nacional reiníciase esta fin de semana co campionato de España de inverno

Pontevedra
18 de marzo 2021

Entre os favoritos para conseguir medalla neste campionato de longa distancia figuran numerosos padeeiros que adestran a diario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e en clubs da comarca de Pontevedra

Campionato Galego de Inverno de 5.000 metros en Verducido
Campionato Galego de Inverno de 5.000 metros en Verducido / Cristina Saiz

A competición nacional de piragüismo está de volta despois dun ano en branco. Esta fin de semana celébrase en Sevilla o Campionato de España de Inverno júnior, sub 23 e sénior no seu cincuenta aniversario, onde participarán 792 deportistas pertencentes a 113 clubs de toda España, que se darán cita no Guadalquivir. Os padeeiros galegos, que serán máis de 200 pertencentes a unha trintena de clubs, parten entre os favoritos ao podio.

Na modalidade de fondo, boa parte dos favoritos teñen a súa base de adestramento en Galicia e, algúns deles, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. É o caso de Diego Romero e Noel Domínguez, favoritos na canoa sénior. A pontevedresa do EPCP Antía Jácome ten grandes posibilidades de sumar medalla na canoa sub 23. Máis competencia terá na mesma categoría o seu compañeiro de equipo Pablo Crespo e David Barreiro.

A júnior do Ciudad de Pontevedra, Antía Otero, parte tamén entre as favoritas da canoa igual que Diego Domínguez, do Breogán.

En kaiak, Iago Monteagudo, sénior do Naval de Pontevedra; e os júnior do Verducido Mauro Domínguez e Anxo García teñen múltiples papeletas para pelexar por medallas.

Baixo unhas estritas medidas de seguridade dada a situación actual de pandemia. As probas comezarán o sábado ás 8.30 horas da mañá coas clasificatorias de contrarreloxo sobre 2000 metros. As finais, sobre a distancia de 5000 metros en liña, comezarán o sábado ás 15.30 horas, continuando o domingo a partir das 9 horas.