O Poio FS cadete feminino repite xesta e revalida o seu título de campión de España

Poio
30 de xuño 2014

As vermellas impóñense nunha apertada final ao equipo anfitrión, o Inter Sala Zaragoza (2-3), e proclámanse por segundo ano consecutivo mellor equipo de España. Segundo título nunha semana para a canteira do Poio tras gañar o Nacional Infantil Feminino

Equipo cadete feminino do Poio FS tras proclamarse campeón de España en Alcorcón
Equipo cadete feminino do Poio FS tras proclamarse campeón de España en Alcorcón / Poio FS

O equipo cadete feminino do Poio Fútbol Sala volveuno facer. Unha semana despois de que as infantís do club lograsen gañar o Campionato de España da súa categoría en Roldán (Murcia) revalidaron en Zaragoza o seu título nacional.

O conxunto vermello repetiu a xesta do pasado ano en Alcorcón tras impoñerse nunha apertada final ao equipo anfitrión, o Inter Sala Zaragoza (2-3).

O Poio comezou o partido definitivo por detrás no marcador, pero logrou a igualada antes do descanso.

Á volta de vestiarios lograron poñerse por diante e aínda que as aragonesas empataron, un gol a falta de 8 minutos desnivelou a balanza para as galegas certificando a defensa do título nacional.

As vermellas mostraron unha grande enteireza en todo o torneo, deixando no camiño ao San Juan Bosco na semifinal e ao FS San Bernabé en cuartos. Na fase inicial tamén lograron gañar o Leganés FS e ao Puertollano.

Este título sitúa o Poio Fútbol Sala como unha das canteiras de referencia no panorama estatal.