O Poio FS desperdicia dous goles de renda e remata empatando (2-2) en Bilbao

Poio
20 de setembro 2014

As vermellas chegaron 0-2 ao descanso grazas a dous tantos de Claudia, pero non puideron conter o pulo local nos últimos minutos

Unha xogada do partido entre Poio FS e Viaxes Amarelle na Seca
Unha xogada do partido entre Poio FS e Viaxes Amarelle na Seca / Diego Torrado

Rozou o triunfo o Poio Fútbol Sala no seu primeiro desprazamento da tempada, na casa do recén ascendido Bilbo (2-2).

As vermellas desperdiciaron dous goles de renda en Bilbao despois dunha primeira metade na que levaron a iniciativa do xogo. Claudia en dúas ocasións, primeiro á saída dun saque de esquina e despois materializando unha contra poñían en franca vantaxe ás rapazas adestradas por Gonzalo Iglesias 'Morenín'.

Non obstante tras o descanso o conxunto vasco subiu un punto a súa intensidade en busca de recortar distancia, o que logrou aos 33 minutos por medio de Almu.

Defendíanse as galegas, pero a falta de dous minutos de novo Almu, co seu equipo xogando de cinco, poñía as táboas.

No pouco tempo que restaba ambos os dous conxuntos se contentaron co resultado, que deixa ao Poio aínda invicto con catro puntos na súa cuadrícula tras as dúas primeiras xornadas disputadas.

BILBO (2): Sandra, Isa, Ixone, Esti, Elena -quinteto inicial- Eva, Vicky, Diana, Almu.

POIO FS (2): Silvia, Paloma, Yoli, Raquel, Charo -quinteto inicial- Jenny, Claudia, Tania, Elma.

Árbitros: Eduardo Yute Rivera e Francisco Javier Muñoz Hervás.

Goles: 0-1 Claudia, min.7; 0-2 Claudia, min.15; 1-2 Almu, min.33; 2-2 Almu, min.38.

Incidencias: Partido disputado no pavillón La Casilla ante cerca de 200 espectadores.