O Poio Fútbol Sala, premiado como mellor club de Galicia

Poio
21 de agosto 2015

A Federación Galega de Fútbol Sala distinguirá á entidade vermella nunha gala que se celebrará no mes de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. O premio baséase na votación de todos os clubs galegos

Adestramento do Poio FS 2015/2016
Adestramento do Poio FS 2015/2016 / Mónica Patxot

Son xa 18 anos de traballo que nos últimos deron importantes froitos, co ascenso a Prmera División do equipo feminino sénior, a súa permanencia dous anos consecutivos, ou os títulos nacionais e autonómicos logrados polos seus diferentes equipos.

Todo iso, especialmente o seu traballo de canteira, é a causa pola que a Federación Galega de Fútbol Sala decidiu premiar o Poio FS como mellor club de Galicia.

Así llelo notificaron á entidade vermella, que recibirá o galardón na gala anual que a federación celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo mes de setembro.

Este premio concédese tras a votación de todos os clubs galegos, o que outorga se cabe máis mérito ao recoñecemento.

Durante os seus anos de vida o Poio Fútbol Sala gañou cinco campionatos de España de base, a súa afección foi declarada como a mellor do país e achegou á Selección Española a tres das súas xogadoras.

CONTINÚA A PRETEMPADA

Tras a súa estrea con triunfo ante o Burela, o primeiro equipo adestrado por Jorge Basanta continúa coa pretempada, na que afronta oito sesións de adestramento á semana.

Ademais o próximo amigable xogarase este mesmo sábado, 22 de agosto, en Espiño (Portugal) ante o Novasamente, campión da primeira división lusa.

Por outro lado o club comunicou que todos os seus equipos de base volverán á actividade o día 1 de setembro.