O Poio Pescamar avanza á fase final da Copa Galicia tras vencer ao Leis

Pontevedra
21 de setembro 2017

O equipo poiense goleou na Seca ás pontevedresas e segue adiante na competición autonómica. As xogadoras adestradas por Marcio Santos céntranse agora en lograr a súa primeira vitoria da tempada na máxima categoría

Marcio Santos, nun partido de liga do Poio Pescamar
Marcio Santos, nun partido de liga do Poio Pescamar / Diego Torrado

Despois da súa boa imaxe no debut ligueiro, a pesar da derrota ante o poderoso Atlético Navalcarnero, o Poio Pescamar aproveitou a Copa Galicia para aumentar a súa confianza.

O equipo adestrado por Marcio Santos avanza á fase final da competición, na que defende título, tras superar no seu segundo encontro de grupo ao Leis Pontevedra (4-0), nun choque disputado este mércores no pavillón da Seca,

As locais mostraron a súa solidez ante un combativo Leis, que a pesar de verse en desvantaxe desde o minuto 2 por un gol de Jenni Lores de partido tentou plantar cara ao seu rival sen ter en conta a téorica superioridade.

Con todo antes do descanso o Poio sentenciara con tantos de Carol e Patri Corral, que se viron refrendandos co cuarto e último gol ao comezo da segunda metade, obra de Ale de Paz.

Superado o trámite da Copa Galicia o Poio Pescamar céntrase agora no choque de liga da próxima fin de semana, no que tentará sumar o seu primeiro triunfo da tempada. Visitarán a cancha do AE Penya Esplugues (sábado 18:00 horas), equipo que na primeira xornada de Primeira División venceu a domicilio ao Soto del Real.