Paso importante do Poio Pescamar na planificación da próxima tempada, na que se asegurou ter unha das porterías máis competitivas da Primeira División.
O conxunto conserveiro anunciou a renovación de Silvia Aguete, internacional coa Selección Española e nomeada esta campaña segunda mellor gardameta do mundo, e ademais fíxose cos servizos dunha gardameta coa que compartiu convocatorias no equipo nacional a pesar da súa mocidade.
Trátase de Caridad García, porteira que chega procedente do Guadalcacín, recentemente descendido da Primeira División e que debutou hai un ano, con só 18 primaveras, no combinado nacional absoluto.
A gardameta andaluza comprométese co Poio Pescamar para as tres próximas tempadas, sendo a segunda fichaxe do equipo.
Ambas se unen a unha lista de xogadoras nas que figuran as renovadas Antía Pérez e Carol Agulla e a fichada Andrea Feijóo, plantel no que non estarán dúas pezas importantes dos últimos anos como Jenny Lores e Ale de Paz.