O Poio Pescamar cítase co Ourense Envialia na final da Copa Xunta

Poio
02 de febreiro 2017

As vermellas superaron con claridade na Seca ao Cidade das Burgas na semifinal  da Copa Xunta e pelexarán por conseguir o título autonómico, un dos obxectivos marcados ao comezo da tempada

Partido amigable entre Poio Pescamar e Cidade das Burgas
Partido amigable entre Poio Pescamar e Cidade das Burgas

Obxectivo cumprido. O Poio Pescamar estará na final da Copa Xunta, tras vencer este mércores con claridade ao Cidade das Burgas na Seca (4-0), un equipo que na liga de Primeira División é un dos seus rivais directos.

As vermellas mostráronse máis intensas desde o inicio e moi sólidas en defensa, aínda que houbo que esperar para ver a primeira ocasión e máis ata o primeiro gol, obra de Jenny mediado o primeiro tempo.

O cadro visitante tentou reaccionar, pero o que chegou antes do descanso foi o segundo tanto de Jenny.

Tras o paso por vestiarios o Cidade das Burgas foi a pola remontada, pero as locais auguantaron a presión e conseguiron sentenciar no tramo final con dous contragolpes culminados por Patri Corral, sen que lles afectase o xogo de cinco das ourensás nos últimos minutos de partido.

Coa vitoria na semifinal o Poio Pescamar cumpre un dos obxectivos que se marcou ao comezo de tempada, pelexar polo título autonómico. O seu rival na final será o Ourense Envialia, que goleou na outra semifinal ao Burela.