O Poio Pescamar conquista nos penaltis a súa terceira Copa Galicia

Marín
17 de maio 2022

O conxunto conserveiro impúxose ao Ourense Envialia na final autonómica disputada este martes no pavillón marinense da Raña, nun partido que concluíu o seu tempo regulamentario con empate a un gol

O Poio Pescamar celebra o seu terceiro título de Copa Galicia tras vencer o Ourense Envialia na Raña
O Poio Pescamar celebra o seu terceiro título de Copa Galicia tras vencer o Ourense Envialia na Raña / Real Federación Galega de Fútbol

O pavillón marinense da Raña coroou este martes 17 de maio aos novos campións autonómicos, nunhas finais que supuxeron o terceiro título de Copa Galicia para o Poio Pescamar.

O cadro conserveiro alzouse coa Copa tras superar nun vibrante partido o Ourense Envialia, un choque tremendamente igualado que terminou por resolverse na quenda de penaltis.

Foi o Ourense o primeiro en golpear ao adiantarse no minuto 7 de xogo cun gol de Iria Saeta nunha acción de estratexia tras un saque de banda.

Tras o gol as vermellas reaccionaron en busca da igualada, nun momento de alternativas que puido mesmo supoñer o 0-2 nunha acción de Chiky. Non foi así e a pesar das ocasións o marcador chegaría con mínima vantaxe ourensá ao descanso.

Xa no segundo acto, o Poio Pescamar saíu a por todas gozando de tres claras opcións para empatar nos primeiros minutos, pero a falta de puntería seguía castigando.

Pasaban os minutos sen que se movese o marcador, e cada vez máis as xogadoras adestradas por Manu Cossío arriscaban en ataque, dando opción a algunha réplica clara do Ourense como un lanzamento de Laura Uña que sacou Luci baixo paus.

Así se chegou ao tramo final, cando a falta de 3 minutos por fin chegou a recompensa para o Poio, ao conseguir Dani Sousa o 1-1 nunha acción individual.

Chegou a prórroga e a tensión foi en aumento, sen que chegase un novo tanto abocando o desenlace da final á quenda de penaltis. Foi aí cando Caridad agrandouse en portería para dar o triunfo final ao seu equipo.

POIO PESCAMAR (1): Caridad; Irene, Luci, Anna, Dani Sousa -cinco inicial- Jane, Martita, Luisa, Agostina, Ana Rivera, Julia Dupuy.

OURENSE ENVIALIA (1): Vane; Jessica, Laura Uña, María Arias, Jenny Lores -cinco inicial- Elisabeth, María Estévez, Iria Saeta, Marta, Judith, Robinha, Sara Moreno, Carla, Zaide.

Árbitros: Coello Martínez e Crespo Pardo.

Goles:  0-1 Iria Saeta (min.7); 1-1 Dani Sousa (min.37).