O Poio Pescamar mantén o asexo á terceira praza

Poio
01 de marzo 2019

O conxunto vermello buscará este domingo en Zaragoza a súa quinta vitoria consecutiva en liga para seguir na pelexa pola terceira posición da táboa. Silvia Aguete, novo recoñecemento público, esta vez por parte da Subdelegación do Goberno

Recepción a SIlvia Aguete na Subdelegación do Goberno
Recepción a SIlvia Aguete na Subdelegación do Goberno / Subdelegación del Gobierno

A pelexa pola terceira praza da liga está a lume vivo para o Poio Pescamar, que se atopa a un só punto de distancia do Jimbée Roldán.

O conxunto da Seca buscará reforzar as súas aspiracións de consolidarse na zona alta na visita este domingo (12:30 horas) á pista do Sala Zaragoza, penúltimo clasificado.

As xogadoras adestradas por Dani Díaz intentarán sumar en Zaragoza o seu quinto triunfo consecutivo, aínda que o técnico avisa que "nos vamos a encontrar un rival que tiene urgencias y que va a salir a ganar".

O equipo maño "ha tenido una reeestructuración en el parón navideño, en enero ha incorporado tres jugadoras", explica Díaz, o que supuxo un novo impulso para tentar buscar a permanencia na máxima categoría.

NOVO RECOÑECEMENTO A SILVIA AGUETE

Silvia Aguete non para de recibir felicitacións polo título europeo conseguido coa Selección Española. O último foi a recepción oficial ofrecida ese venres pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, quen ve na gardameta do Poio Pescamar o exemplo dunha muller que "estuda, que traballa, que é deportista e que as administracións temos a obriga de visibilizar como un exemplo para as rapazas".