O Poio Pescamar mide a súa ambición en Ourense

Poio
27 de outubro 2017

O equipo adestrado por Marcio Santos buscará este sábado (16:30 horas, TVG2) a súa quinta vitoria consecutiva en liga na súa visita á cancha dun rival directo, o Ourense Envialia

Marcio Santos, nun partido de liga do Poio Pescamar
Marcio Santos, nun partido de liga do Poio Pescamar / Diego Torrado

Importante partido para o Poio Pescamar este sábado na pista dun dos seus rivais directos na clasificación, o Ourense Envialia.

O derbi autonómico poderá seguirse en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia.

As vermellas chegan ao choque despois de encadear catro vitorias consecutivas, o que as levou á sexta posición da táboa en Primeira División con 13 puntos, os mesmos cos que conta un Ourense que é cuarto e que a pasada xornada encaixou en Alacante a súa primeira derrota da tempada.

Será a oportunidade de medir a ambición do equipo adestrado por Marcio Santos, situado a só tres puntos do liderado e que quere asentarse nos postos de privilexio na máxima categoría.