O Poio Pescamar tamén para pola folga do 8M

Poio
08 de marzo 2018

O club vermello anunciou a suspensión da dobre sesión de traballo prevista para este xoves e sumouse á concentración de protesta celebrada na Casa Rosada

Xogadoras do Poio Pescamar na concentración do 8M na Casa Rosada
Xogadoras do Poio Pescamar na concentración do 8M na Casa Rosada / Poio Pescamar FS

O mundo do deporte non é alleo á folga feminista convocada este xoves 8 de marzo, e así o visibilizou un dos clubs femininos máis representativos da comarca, o Poio Pescamar de fútbol sala.

A entidade vermella anunciou a suspensión da dobre sesión de adestramento habitual dos xoves e sumouse á concentración e lectura do manifesto do Día Internacional da Muller celebrada na Casa Rosada de Poio.

"Tanto xogadoras como club son moi conscientes da discriminación que existe no mundo do deporte cara á muller e consideramos que é a nosa forma de dar visibilidade á nosa protesta", sinalou o Poio Pescamar nun comunicado.

As futbolistas volverán ao traballo o venres para preparar a próxima xornada na Primeira División, na que se enfrontarán a domicilio ao Móstoles FSF o domingo ás 13:30 horas.