O Poio Pescamar voa a Canarias a por tres puntos para manter o pulso polo liderado

Poio
12 de febreiro 2021

O cadro adestrado por Manu Cossío enfróntase este sábado ás 20 horas ao  Teldeportivo, que ocupa o último posto da clasificación

Partido entre o Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca
Partido entre o Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca / Cristina Saiz

O Poio Pescamar quere seguir empolicado á parte alta da táboa. Coa vitoria conseguida esta semana no encontro aprazado fronte ao Cidade das Burgas, as de Cossío suman 25 puntos que as sitúan no máis alto da táboa empatadas a puntos con Atlético, Burela e Alcorcón, aínda que estas últimas teñen un partido máis que as de Poio, quienen disputaron tamén un partido máis que os seus outros dous rivais.

Para manter o pulso, as conserveiras viaxan a terras canarias. Este sábado ás 20 horas, horario peninsular, enfróntanse ao Teldeportivo, que marcha en última posición. 

A pesar da súa irregular marcha na competición, as canarias foron capaces de complicarlle moito as cousas ás galegas no partido da primeira volta. Ademais reforzáronse coa boliviana Karla Ticona, que dará un extra de calidade a un equipo que xa contaba co talento de María Boneteo Montufo.

Co obxectivo de conseguir os tres puntos, Cossío leva a Canarias a todas as súas armas. A convocatoria compóñena Silvia Aguete e Caridade García en portería, ademais de Carol Agulla, Luci, Dani Sousa, Julia Dupuy, Antia, Chiesa , Ana Rivera, Clara, Iraia, Mirian e Irene García.