O Pontevedra, a poñer a guinda ao seu aniversario gañando ao Lealtad

Pontevedra
15 de outubro 2016

No medio dunha semana de actos coincidindo con día do seu 75 aniversario, o Pontevedra afronta unha nova xornada ligueira coa intención de manter a súa imbatibilidade na casa e agarrarse á zona alta da táboa. Espérase un gran ambiente no Estadio Municipal de Pasarón (domingo, 17:00 horas), con entradas a prezos populares

Adestramento do Pontevedra en Poio
Adestramento do Pontevedra en Poio / Mónica Patxot

Durante toda a semana o aniversario do Pontevedra Club de Fútbol foi protagonista, desviando a atención do plano estritamente futbolístico, pero a parcela deportiva pide de novo paso.

O Estadio Municipal de Pasarón vestirá as súas mellores galas para recibir este domingo (17:00 horas) ao Lealtad de Villaviciosa nunha xornada de festa, o día no que o club cumpre 75 anos, que sería redonda cun novo triunfo en liga.

Luisito e os seus xogadores queren abstraerse deste ambiente para seguir mantendo a súa fortaleza na casa (catro vitorias en catro partidos) e de paso consolidarse na zona alta da táboa.

O técnico granate non poderá contar con Capi, sancionado por acumulación de amoestacións, pero recupera na parcela defensiva a Portela.

Todos os futbolistas dispoñibles entraron na convocatoria, como é costume nos partidos da casa, e pouco antes do choque será cando Luisito descarte a algún deles.

A Pasarón chega un Lealtad que tras empezar a liga encadeando cinco xornadas sen perder leva agora tres derrotas consecutivas, aínda que mantén a súa solidez defensiva tendo encaixado no que vai de competición só 4 goles, colocándose como o segundo mellor equipo da categoría neste aspecto só superado polo líder, o Real Racing. Pola contra os de Roberto Aguirre acumulan máis de 400 minutos sen anotar un tanto.

O ex-adestrador granate espera recuperar para o partido a Keko Roza, conta coa dúbida de Lastres e as baixas Juan Cueto, Belda e Agus.

O Pontevedra fixou prezos populares (6 euros Tribuna, 4 euros Preferencia e 3 euros os fondos) para un partido que será arbitrado polo colexiado castelán-leonés César Domínguez Zapatero.