O Pontevedra, a recuperar o paso na visita do recentemente ascendido Palencia

Pontevedra
10 de setembro 2016

Os granates queren recuperarse da derrota da pasada fin de semana en Santander vencendo o domingo (18:00 horas) en Pasarón ao Club Deportivo Palencia, pechacancelas provisional tras sumar tres derrotas nas tres primeiras xornadas. Iker Alegre, única baixa local

Bonilla (centro) conversa con Álex González nun adestramento do Pontevedra
Bonilla (centro) conversa con Álex González nun adestramento do Pontevedra / Mónica Patxot

O Club Deportivo Palencia visita este domingo (18:00 horas) ao Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón.

Os granates esperan repoñerse da derrota da pasada fin de semana en Santander ante un rival que chega á cidade de Lérez nunha situación complicada. Recentemente ascendido, a destitución do adestrador que logrou o salto de categoría e posteriores cambios ao longo do verán deixaron unha situación inestable que se traduce polo momento nun mal inicio de liga.

O cadro castelán chega de feito na última posición da táboa despois de tres derrotas noutros tantos partidos, pero Luisito non quere confianzas e avisa do seu potencial, con "moi bos futblistas non seu plantel".

O Pontevedra afronta a cita coa única ausencia de Iker Alegre, que estará entre seis e oito meses de baixa debido á rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo. O resto do primeiro equipo está convocado para o encontro, polo que Luisito deberá realizar algún descarte antes do inicio do mesmo.

Pola súa banda o adestrador do Palencia, Óscar de Paula, recupera para o choque a Zarandona e Durántez, pero perde por sanción ao defensa Héctor Sánchez, expulsado o pasado domingo ante o Celt B.

O colexiado do encontro será o asturiano Carlos Fernández Buergo.