O Pontevedra, a seguir crecendo en Guijuelo

Pontevedra
03 de novembro 2018

Os granates buscarán este domingo (17:00 horas) na localidade salmantina de Guijuelo prolongar o seu bo momento, que lle fixo colocarse na sexta posición da liga. Nacho López únese ás ausencias de Churre, Álex Fernández e Romay por lesión

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Son xa cinco xornadas as que acumula o Pontevedra sen caer en liga, pero quere máis.

O conxunto granate visita este domingo (17:00 horas) o Guijuelo, rival co está empatado na sexta posición da táboa e que aínda non perdeu como local esta tempada (4 vitorias e un empate).

"Es un equipo incómodo", asegura Luismi sobre o cadro salmantino, do que destaca a súa calidade para tentar "jugar el balón y dominar" a pesar de que o seu campo, de herba sintética dunha xeración xa pasada, "no ayuda".

O preparador pontevedrés estivo toda a semana dándolle voltas ao once e pendente dos xogadores que arrastraban molestias e que eran dúbida para entrar na convocatoria, estando só descartados previamente os lesionados Álex Fernández, Churre e Romay. A esta lista uniuse finalmente Nacho López, que non se recuperou das súas molestias, polo que entrou na lista o canteirán Josiño xunto ao resto de futbolistas do primeiro equipo: Edu, Ualoloca, Nacho Lorenzo, Adrián León, Pibe, Jesús Barbeito, Kevin, Mouriño, Juan Barbeito, Berrocal, Javi López, Álex González, David Castro, Campillo, Pedro Vázquez, Javi Pazos y Arruabarrena.

A cita chega, iso si, no mellor momento do equipo, que esqueceu de penurias de campañas pasadas cando xogaba lonxe do seu estadio, xa que buscará en  Guijuelo o seu terceiro triunfo consecutivo a domicilio. "Pretendemos ser un equipo sólido fuera de casa, que no concede ocasiones", explicou en rolda de prensa Luismi.

En canto ao seu opoñente, o Guijuelo chega ao encontro nunha boa situación en liga, sétimo con 16 puntos, pero despois de tres xornadas sen gañar, con derrotas ante Sanse e Rápido de Bouzas a domicilio e empate ante o Coruxo no seu estadio.

O colexiado do encontro será o madrileño Pedro Eugenio Muñoz Piedra.