O Pontevedra CF goza dunhas merecidas vacacións antes de abordar o partido contra o Real Madrid Castela

Pontevedra
24 de decembro 2018

Marchan na quinta posición e totalmente metidos na loita polos postos de ascenso a falta dun partido para finalizar a primeira volta

Luismi, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Luismi, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Este venres desaproveitou o Pontevedra CF a posibilidade de irse de vacacións dentro dos postos de  play-off, perdendo 2-0 contra o Atlético de Madrid  B. A pesar diso, fano nunha situación privilexiada (5º posto) e con posibilidades de seguir pelexando por meterse, polo menos, nesas catro posicións tan perseguidas por todos os equipos da categoría para loitar polo ascenso.

Con todo, agora toca descansar. Nove días de desconexión do Nadal. Pouco máis dunha semana que permitirá os xogadores de Luismi, ademais, prepararse mentalmente para afrontar o segundo tramo da tempada da mellor forma posible.

Será o día 31, en  Cerponzóns, cando volvan os pontevedreses aos adestramentos, traballando xa no enfrontamento que lles espera o día de Reis (o vindeiro 6 de xaneiro) ante o Real Madrid Castela no Estadio Municipal de Pasarón (último choque da primeira volta). Os granates terán a oportunidade de vencer o filial merengue e superalos, desta forma, na táboa clasificatoria. Sería un bo agasallo para a súa afección nesa xornada festiva.