O Pontevedra chega lanzado ao comezo de liga

Pontevedra
19 de agosto 2019

Os granates xogarán o sábado ás 20.30 horas en  Pasarón contra o Coruxo no primeiro partido de liga coa única preocupación do estado dos dianteiros Javi Pazos e  Adighibe, que abandonaron o último partido con molestias

Luismi Areda, durante unha sesión preparatoria en Pasarón
Luismi Areda, durante unha sesión preparatoria en Pasarón / Mónica Patxot
Luismi Areda, adestrador do Pontevedra CF /

O Pontevedra pechou este domingo a preparación da nova campaña coa maior goleada da pretemporada. Os granates derrotaron ao Arosa por catro goles a cero na Lomba, un resultado que deixou máis que satisfeito ao adestrador Luismi  Areda. "Fixemos un partido serio, defensivamente o equipo está ben, conseguimos manter a portería a cero ante un bo rival e en ataque estivemos moi eficaces", declarou o técnico tras o encontro.

Máis aló do acerto ofensivo do equipo, Luismi puxo en valor a solidez defensiva dos seus. "En momentos nos que estabamos máis apertados polo rival, soubemos sufrir e contrarrestar o seu xogo ofensivo. É para estar satisfeito", valorou o preparador vigués, quen tamén se mostrou contento por "facer catro goles a un equipo que vai estar pelexando polo  play- off de ascenso a Segunda  B", rematou.

Nunha análise global da pretemporada, Luismi recoñeceu que o Pontevedra non ofreceu a súa mellor imaxe ante equipos aparentemente inferiores. Con todo, "con rivais de maior esixencia o equipo deu un nivel bo, o balance é positivo, estou contento", subliña.

CONTRA O CORUXO, O SÁBADO

Co debut ligueiro entre cella e cella, o adestrador granate considera que os seus xogadores chegan "co ritmo necesario para afrontar o primeiro partido de liga" e a súa única preocupación é recuperar fisicamente aos dianteiros Javi pazos e  Adighibe, que se retiraron da Lomba con molestias, aínda que as lesións non revisten gravidade polo que a súa participación contra o Coruxo non corre perigo. Os que si que estarán, despois de superar os seus problemas físicos, son Javi López, Pol  Bueso e Pedro Vázquez, que disputou contra o Arousa os seus primeiros minutos da pretemporada.

O primeiro partido de liga do Pontevedra será o sábado ás 20.30 horas en  Pasarón fronte ao Coruxo.