O Pontevedra competirá o próximo ano en 2ª RFEF, o cuarto banzo do fútbol nacional despois da reestucturación da actual Segunda B. Os granates preparan xa a próxima campaña nunha categoría que estará formada por 90 equipos divididos en grupos de 18 equipos. A 1ª RFEF subirá o primeiro de cada un deles, mentres que do segundo ao cuarto xogarán un play-off para seleccionar os outros cinco ascensos, aínda que o sistema pode sufrir cambios porque as bases da competición non se aprobaron aínda de forma definitiva.
Nesta categoría estarán os 36 clubs que lograron eludir o descenso a 3ª RFEF, os que non lograron clasificarse para a 1ª RFEF na segunda fase da liga e os que ascendan desde Terceira División.
A expensas de confirmación oficial por parte da Real Federación Española de Fútbol, o sistema de competición recuperará a normalidade. Sera unha liga de todos contra todos a ida e volta. Nada de fases como se fixo este ano pola pandemia e a reestruturación da Segunda B.
O nome de todos os integrantes desta nova categoría non se coñecerá ata o 20 de xuño, data prevista para a finalización das fases de ascenso desde Terceira. Con todo, moitos nomes xa están confirmados. En representación de Galicia, ademais do Pontevedra, estarán Coruxo, Compostela, Arenteiro e Bergantiños. A eles uniráselle outro equipo galego, o que salga vitorioso da fase de ascenso que xogarán Arousa, Polvoreira, Somozas, Alondras, Estradense e Choco.
Tan pronto como se complete o catálogo de participantes nesta nova categoría, a federación comezará a traballar na confección de grupos de fronte ao próximo curso no que o Pontevedra tratará de recuperar o lugar perdido.