O Pontevedra crea unha escola de fútbol para nenos de 4 a 7 anos

Pontevedra
19 de setembro 2014

Milo Abelleira coordinará a escola, ao igual que o resto das categorías inferiores do club, con especial atención aos equipos xuvenís e de División de Honra cadete. A cota de inscrición na base, salvo en xuvenís, é de 180 euros para a equipación e máis 20 euros mensuais

Probas do Pontevedra CF para nenos que queren entrar nas súas categorías inferiores
Probas do Pontevedra CF para nenos que queren entrar nas súas categorías inferiores / Mónica Patxot

Os máis pequenos tamén poderán formar parte, a partir de agora, do Pontevedra Club de Fútbol, despois da decisión anunciada polo club granate este venres de ampliar as súas categorías de formación creando unha escola de fútbol dirixida a nenos de 4 a 7 anos.

Esta escola nace mirándose "en el espejo del Portero 2000", manifestou a presidenta Lupe Murillo, que recoñece ademais que "llegamos un poco tarde", en relación ao período de inscrición que se iniciará a próxima semana a través das oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.

A nova escola estará coordinada por Milo Abelleira, ao igual que o resto das categorías inferiores do club (dende idade prebenxamín), con especial atención aos equipos xuvenís e cadete de División de Honra.

Ademais será o responsable dunha escola de tecnificación que dous día á semana ofrecerá adestramentos individualizados en diversos aspectos aos futbolistas dos diferentes equipos da base.

Así o revelou a presidenta da entidade, que recordou a experiencia de Abelleira nas categorías inferiores do Celta de Vigo, "una cantera que está dando grandes resultados", defendeu Murillo.

A inscrición para cada xogador, agás en idade xuvenil, será de 180 euros para custear o material deportivo máis 20 euros ao mes (200 ao longo da tempada), o que inclúe poder acudir aos partidos do primeiro equipo ou un desconto do 50% no carné de socio para os pais. Neste aspecto a dirixente sinalou que ningún neno quedará sen poder inscribirse por causas económicas e que a empresa que rexenta estaría disposta a asumir esa cantidade.

Entre os servizos que ofrece este curso o club granate á base tamén encóntranse clases de inglés para cadetes e xuvenís ou o apoio de tres psicólogos.

Ademais entre os adestradores titulados das categorías inferiores figuran tres futbolistas do primeiro plantel: David Feito, Adrián Gómez e Pablo Carnero.