O Pontevedra dá a baixa a Carlos Ramos e 'pesca' en Portugal o dianteiro Eder Díez

Pontevedra
31 de xaneiro 2018

O futbolista vasco, con pasado en equipos galegos como Celta B e Ourense, pasou desde 2012 por varios clubs portugueses e procede do AD Fafe da Segunda  Divisão (terceira categoría). Ocupará a ficha senior que deixa libre Carlos Ramos, que se comprometeu co Zamora

Eder Díez nun partido co AD Fafe
Eder Díez nun partido co AD Fafe / AD Fafe

Ata última hora apurou o Pontevedra Club de Fútbol para realizar o seu último movemento no mercado de fichaxes, a contratación do dianteiro Eder Díez.

O futbolista vasco, de 30 anos de idade e 1,87 metros de altura, chega á cidade de Lérez procedente do AD Fafe portugués, equipo que milita na Segunda  Divisão (terceira categoría) e ao que chegou o pasado verán tras pasar por varios clubs da liga lusa. 

Ten pasado tamén en equipos galegos como Celta B e Ourense, tras formarse na canteira do Athletic Club.

Eder será presentado este xoves e poñerase ás ordes de Luismi, sendo a cuarta e última fichaxe deste mes de xaneiro para afrontar o tramo final da tempada.

CARLOS RAMOS MARCHA AO ZAMORA

Para poder dar de alta federativa a Eder Díaz era necesario que se producise unha saída, e á primeira hora da tarde o Pontevedra anunciou o acordo para a rescisión de contrato de Carlos Ramos, futbolista que pola mañá aínda adestrara co resto dos seus compañeiros.

O centrocampista, que chegara no verán procedente do Burgos, apenas gozou de continuidade esta campaña en Pasarón nin con Luisito primeiro nin tampouco agora co novo técnico. De feito participou só en 12 partidos de liga, sendo unicamente titular en cinco deles.

Poucos minutos despois de anunciar a rescisión do seu contrato e antes do peche do mercado coñeceuse o seu novo destino, o Zamora, club no que xa debutara no seu momento na Segunda División B.