O Pontevedra-Deportivo da última xornada xogarase o sábado 27 de maio, sen coincidir coas eleccións

Pontevedra
24 de abril 2023

A Real Federación Española de Fútbol confirmou o horario unificado das dúas últimas xornadas de competición na Primeira RFEF, e que terán lugar os sábados 20 e 27 de maio

Partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor
Partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor / Mosrey Fotografía

Xa hai data e horario para as dúas últimas xornadas de liga de Primeira RFEF, que non foran fixadas xunto ao resto do calendario.

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) notificou mediante unha resolución a unificación dos horarios dos dous últimos encontros "cuxos resultados poidan ter transcendencia na determinación de postos de ascenso directo, de clasificación para o Play-Off de Primeira Federacion, de descenso a Segunda Federación e a participación noutras competicións oficiais de ámbito estatal".

Isto implica de cheo a un Pontevedra que pelexa pola permanencia. Pero mesmo no caso de chegar xa sen opcións, ao xogar ante rivais que si apuntan a estar cos seus obxectivos aínda no aire, os seus últimos choques da tempada serán nese horario unificado.

Segundo explicou a RFEF a penúltima xornada, cun Badajoz-Pontevedra no Estadio Nuevo Vivero, disputarase o sábado 20 de maio ás 19.30 horas.

Mesmo horario, sábado ás 19.30, será o dunha semana despois, o 27 de maio, coa visita do Real Club Deportivo ao Estadio Municipal de Pasarón, evitándose a coincidencia desta forma coa xornada electoral do domingo día 28.