O Pontevedra despide o ano traballando no Carrasco

Pontevedra
31 de decembro 2014

Os granates descansan o día de ano novo. Os plans iniciais de Luisito pasaban por adestrar, pero tras comprobar que as vacacións non afectaran ao estado físico dos seus homes, optou por darlles o día libre, cambiando a sesión do xoves por outra que realizarán na mañá do sábado, de novo no Carrasco. O venres, día 2 de xaneiro, o escenario do ensaio será o sintético da Xunqueira

ÿltimo adestramento do Pontevedra en 2014 celebrado no campo do Carrasco
ÿltimo adestramento do Pontevedra en 2014 celebrado no campo do Carrasco

Luvas, algún que outro gorriño para protexerse e moito frío a pesar da soleada mañá, no Carrasco. O Pontevedra foise ata Marcón para despedir o ano cun adestramento no que Luisito esixiu ao máximo os seus xogadores, chegando a deter os exercicios en máis dunha ocasión para corrixir aspectos que non lle agradaban ou reclamar maior intensidade nas súas accións.

O último día de 2014 serviu para un ensaio no que estiveron presentes todos os membros do primeiro equipo, coa excepción de Fran Fandiño, que acudiu a rehabilitación cos seus recuperadores. Mesmo participou Tubo, que non puido traballar nin este luns nin o martes, afectado dun proceso vírico, se ben se limitou a realizar traballo de carreira continua pola banda, mentres os seus compañeiros completaban a sesión. O xogador, non obstante, mostrábase optimista sobre o seu estado e a posibilidade de chegar en perfectas condicións para afrontar o partido do domingo en Cerceda.

Cos homes xustos para ese importante partido entre os dous primeiros clasificados, Luisito contou coa participación de catro xogadores do filial e xuvenil, entre eles o dianteiro Ramón, autor de catro goles na vitoria do xuvenil granate fronte ao Deportivo na última xornada, un xogador que gusta moito ao técnico, ata o punto de que intenta contar con el de forma habitual nos ensaios do primeiro equipo.

E é que en caso de non se recuperar Tubo, a baixa por sanción de Anxo e a lesión de Fran Fandiño deixarían o técnico de Teo con só 15 xogadores dispoñibles, obrigándoo a botar man da canteira.

Os granates descansan o día de ano novo. Os plans iniciais de Luisito pasaban por adestrar, pero tras comprobar que as vacacións non afectaran ao estado físico dos seus homes, optou por darlles o día libre, cambiando a sesión do xoves por outra que realizarán na mañá do sábado, de novo no Carrasco. O venres, día 2 de xaneiro, o escenario do ensaio será o sintético da Xunqueira.