O Pontevedra estrea o ano contra o Palencia mirando de esguello á covid: "Hai que coidarse moitísimo porque todo xoga"

Pontevedra
07 de xaneiro 2022

Os granates reciben este domingo (17.00 horas) en Pasarón ao quinto clasificado, o Palencia Cristo Atlético, pendente da situación da pandemia despois dunha semana na que contou cun futbolista illado por ser positivo e tres compañeiros adestrando de maneira individualizada por ser contactos estreitos de persoas infectadas

Adestramento do Pontevedra CF en Xeve despois das vacacións do Nadal do 2021
Adestramento do Pontevedra CF en Xeve despois das vacacións do Nadal do 2021 / Mónica Patxot

A situación da pandemia preocupa, máis aló de por a emerxencia sanitaria, a nivel deportivo a un Pontevedra Club de Fútbol que este domingo 9 de xaneiro (17.00 horas) afrontará a súa primeira xornada do ano recibindo o Palencia Cristo Atlético no Estadio Municipal de Pasarón.

Aínda que na casa granate polo momento a incidencia do coronavirus non foi elevada, cun positivo detectado na volta aos adestramentos e tres compañeiros máis exercitándose de maneira individualizada por ser contactos estreitos de persoas infectadas, asúmese que pode ser unha circunstancia decisiva ata final de tempada.

"É algo que temos que ter en conta e temos que ser conscientes de que hai que coidarse moitísimo porque todo xoga a favor e en contra. Se vas afrontar un partido unha semana e levas 4 ou 5 baixas por culpa da covid son baixas que poden facer dano a calquera equipo", recoñece o técnico Ángel Rodríguez.

En todo case o preparador leonés asegura que "me podería preocupar que tivésemos unha onda, pero se son un, dous ou tres casos entendo que isto nos vai a pasar a todos os equipos. Ademais esta semana xogamos e a que vén volve parar", explica en relación á situación actual.

Con este panorama, e sempre que nas horas previas ao choque co que se pecha a primeira volta non se detecten novos casos, todo apunta a que o Pontevedra poderá presentar un once senón idéntico si moi parecido ao que utilizou nas últimas xornadas do ano e co que suma cinco vitorias consecutivas.

En canto ao rival esta semana, o Cristo Atlético, trátase do actual quinto clasificado, un equipo "atrevido, gústame como xoga", avanzou Ángel Rodríguez augurando un encontro entretido para o espectador porque "se os dous equipos estamos ben imos poder ver un partido distinto aos que vimos ultimamente en Pasarón".

O colexiado do encontro será o tinerfeño Alexander González González, que na súa longa traxectoria na Segunda B coincidiu en dúas ocasións co cadro pontevedrés: unha vitoria na casa contra o Valladolid B (2-0) na campaña 15/16 e unha derrota fóra fronte ao Rayo Majadahonda na tempada 17/18.

PASAPORTE COVID

A situación actual da pandemia deixarase notar tamén nas bancadas do estadio pontevedrés, e é que para adaptarse ás últimas normas aprobadas pola Xunta de Galicia o club granate pedirá na entrada ao recinto deportivo que os afeccionados acheguen o certificado covid, xa sexa en papel ou en formato dixital.