Nova vitoria nunha pretempada presidida polos bos resultados e mellores sensacións dos de Luisito. O Pontevedra impúxose con autoridade ao Portonovo en Baltar, adxudicándose unha nova edición do trofeo Leopoldo González Agís, todo un clásico xa nos veráns futbolísticos de arlequinados e granates.
Esta vez o conxunto visitante non deu opción á sorpresa e fixo valer a súa superior categoría, dominando o seu rival dende o comezo e volvendo deixar a súa portaría a cero, algo a destacar pois coa excepción de equipos como Valladolid e Lugo, ningún rival foi capaz de superar a armazón defensiva dos de Luisito.
Os granates adiantáronse pronto no marcador grazas a un penalti cometido sobre Tomás que Jacobo se encargou de transformar. Pouco antes do descanso Borjas Martín seguiu co seu bo momento goleador, facendo o segundo ao rematar un bo centro dende a banda.
Os cambios realizados por ambos os dous equipos tras o descanso transformáronse nun menor ritmo de xogo e ocasións, decaendo o interese do partido, aínda que o Pontevedra seguiu mandando e tendo a posesión do coiro, ademais de chegar con relativo perigo ata conseguir redondear a conta cun terceiro gol nos instantes finais, por medio de Miky.
PORTONOVO SD (0): Roberto Pazos; Darío, Nico, Suso Bea, Alberto Rei; Brian, Víctor; Nelo, Nacho, Melchor; e Nieto. Tamén xogaron: Jorge, Juanjo, Marcos, Rober, Manel, Iván e Miguel Pazos.
PONTEVEDRA CF (3): Edu; Adrián, Campillo, Bruno, Verdú; Álex Fernández, Mouriño; Jandrín, Tomás, Jacobo; e Borjas. Tamén xogaron: Rodri, Pablo Carnero, Tubo, Abraham, Miky, Pedro García, Capi, Pablo e Ramón.
Árbitro: Vilar Álvarez (Pontevedra). Amoestou a Alberto Rei del Portonovo e Álex Fernández e Mouriño do Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 18: Jacobo, de penalti. (0-2) Minuto 43: Borjas. (0-3) Minuto 90: Miky.
Incidencias: Campo de Baltar (Portonovo-Sanxenxo). XLV Trofeo Leopoldo González Agís. Uns 250 espectadores.
ÚLTIMO AMIGABLE
Luisito aínda terá un último partido amigable para pechar a pretempada. Será este domingo, ás 19:00 horas, no campo de San Pedro, en Vilalonga, fronte ao conxunto local, coa recadación a beneficio da asociación Down Pontevedra, grazas á colaboración de ambos os dous clubs e do patrocinador do torneo e tamén do Villalonga, Viajes Interrías.