O Pontevedra leva á súa equipación o principal símbolo da cidade: a Peregrina

Pontevedra
26 de agosto 2022

O equipo de Pasarón presentou este venres a súa nova equipación para a tempada de debut en Primeira Federación. O granate é a cor do uniforme local, mentres que para o de visitante recuperan o branco

O Pontevedra presenta a súa equipación oficial para a tempada 2022-2023
O Pontevedra presenta a súa equipación oficial para a tempada 2022-2023 / Pontevedra CF SAD

Era un dos anuncios máis esperados pola afección e unha das presentacións que máis se atrasou para desesperación dos coleccionistas. Pero chegaron a tempo para o debut en Primeira Federación, o Pontevedra estreará a equipación oficial da nova tempada este domingo contra o Alcorcón.

A cor granate, como non podía ser doutro xeito, raíña na camiseta da primeira equipación. Mentres que este ano, o conxunto de Pasarón recupera o branco para a zamarra suplente. 

Pero a cor non é o máis rechamante desta equipación que volve fornecer a marca Hummel. O principal atractivo que presentan as camisetas do Pontevedra está na presenza dun dos principais símbolos e monumentos da cidade como é o santuario da Virxe Peregrina. Tanto na camiseta granate como na branca, pode verse a silueta desta igrexa na parte baixa do frontal da camiseta. 

Na parte traseira, irá o nome e dorsal de cada un dos xogadores en cor branca e en gran tamaño para que poidan verse a distancia,

Ambos as equipacións compleméntanse cun pantalón branco con detalles granates, no caso do uniforme titular; e pantalón granate con reclamos brancos, para a segunda. 

Os xogadores estrearán este equipación o domingo e os afeccionados que desexen facerse cunha camiseta poderán visitar a tenda oficial do club o domingo a partir das 18.30 horas para facerse cunha.

O prezo das camisetas é de 50 euros para os socios e 55, para non socios.