O Pontevedra Mareantes vence en Lalín (17-33)

Pontevedra
16 de outubro 2017

No seu segundo partido da tempada na Primeira Galega o equipo pontevedrés conseguiu a súa primeira vitoria, sumando ademais bonus ofensivo

Partido entre Pontevedra Mareantes 'A' y Os Ingleses
Partido entre Pontevedra Mareantes 'A' y Os Ingleses / Diego Torrado

No seu segundo partido da tempada na Primeira Galega de rugby, o Pontevedra Mareantes conseguiu o seu primeiro triunfo en liga superando a domicilio ao Lalín (17-33).

A escuadra pontevedresa levou a iniciativa desde o arranque do encontro ante un equipo local que se presentaba con baixas pero que mostrou un bo traballo defensivo obrigando a que o PRC Mareantes se empregase a fondo.

Superada esa situación e xerando superioridades a efectividade ofensiva deulle o triunfo aos pontevedreses, con ensaios para Punti, Jandro, Alvarito, Javi e Álex e catro transformacións de Jandro.

Esta eficacia outorgou ademais bonus ofensivo, o que permite ao Pontevedra Mareantes situarse na terceira posición da clasificación con 6 puntos, a 4 dos líderes, Keltia e Os Ingleses.

DERROTA DO SEGUNDO EQUIPO

Non lle foron tan ben as cousas ao segundo equipo do Pontevedra Mareantes, ao ceder en Monte Porreiro ante o Barbanza RC, filial á súa vez dos Ingleses de Vilagarcía. 

Cunha convocatoria axustada non puideron competir ante un equipo reforzado por xogadores do primeiro plantel e que lles superou con claridade por 17 a 67.