O Pontevedra non pasa do empate na súa visita ao Atios

Pontevedra
04 de agosto 2019

O dianteiro Uzo Adighibe estreou a súa conta goleadora como granate para neutralizar o tanto inicial do equipo porriñés

O Pontevedra empata a un co Atios
O Pontevedra empata a un co Atios / Pontevedra CF

O Pontevedra continúa coa súa xira de pretemporada pola provincia. Este domingo visitou O Porriño para medirse ao Atios e o partido acabou con empate a un tanto.

No primeiro tramo do partido foi o conxunto local o que sorprendeu aos granates e conseguiron adiantarse no marcador por medio de Mintegui. Reaccionou o Pontevedra, pero non atopaban o camiño cara ao gol.

Foi tras o paso por vestiarios cando os granates conseguiron igualar a contenda. O dianteiro Uzo Adighibe, que deixara boas sensacións nas súas anteriores aparicións, conseguiu estrear a súa conta goleadora coa camiseta do Pontevedra.

Cos cambios e o cansazo da pretemporada, o ritmo do partido decaeu pero o cadro de Luismi seguiu tentándoo ata o final pero non estiveron precisos na finalización.