O Pontevedra pecha as contas do ano da reestruturación de 2ªB con 53.000 euros de perdas

Pontevedra
20 de decembro 2022

O conselleiro delegado da área económica da sociedade anónima deportiva, Enrique Mariño, explicou que nesa tempada o club realizou un importante esforzo económico para conseguir o ascenso a Segunda División ou, polo menos a Primeira Federación. Con todo, o equipo acabou caendo a 2ª RFEF nunha campaña marcada polas restricións nos accesos aos recintos deportivos pola pandemia da covid-19

Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra CF na que aprobaron as contas do exercicio 2020/2021
Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra CF na que aprobaron as contas do exercicio 2020/2021 / PontevedraViva

A primeira das dúas xuntas de accionistas que o Pontevedra CF SAD tiña pendentes celebrouse este martes no Pazo da Cultura. Aprobar as contas correspondentes á tempada 2020/2021 era a principal razón de ser desta asemblea, atrasada máis dun ano pola impugnación das contas anteriores por parte do grupo opositor á xestión do equipo de Lupe Murillo.

Con todo, a primeira vez desde a chegada de Murillo á presidencia que o club pecha un exercicio con déficit pasou practicamente desapercibida ata o punto de quedar no plano do anecdótico. A rifa entre ambas as faccións do accionariado, que derivou no cesamento dun dos conselleiros díscolos, secuestrou toda a sesión.

E non é baladí o resultado deste exercicio. Trátase da tempada 2020/2021. A que comezou con atraso e sen afeccionados nas bancadas polas restricións dunha pandemia que aínda gardaba unhas cantas ondas. Na que a 2ªB modificaría o seu formato en dúas terroríficas fases para logo desaparecer e dar a luz, ao ano seguinte, á Primeira e Segunda Federación. Na que o Pontevedra realizou un, a touro pasado, desacertado esforzo económico para coarse entre a elite da categoría. E, sobre todo, na que o ídolo Charles renunciou a Primeira División para converterse en Moisés e guiar os granates cara á terra prometida do fútbol profesional.

Pero o Deus do fútbol é caprichoso e todo saíu mal. As fichaxes non renderon como se esperaba, a elección dos adestradores (Jesús Ramos e Luisito) resultou ser un fracaso e o Pontevedra acabou dando por bo o mal menor de caer só a 2ªRFEF. Pois o custo desa rocambolesca tempada foi o que detallaron este martes a presidenta Lupe Murillo e o conselleiro encargado da área económica, Enrique Mariño. 

"O resultado péchase con perdas de 53.000 euros", resumiu, antes de entrar en faena, o conselleiro. Antes, a propia presidenta explicara as circunstancias xa descritas que animaron ao consello para realizar ese esforzo económico.

Un esforzo económico reflectido na conta de perdas e ganancias. A partida de gastos en salarios para a tempada 2020/2021 creceu un 38,55 % con respecto á campaña anterior ata situarse en 892.035 euros. Unha cantidade, sumada aos 207.000 euros de gastos en Seguridade Social, supera o millón de euros. Unha cantidade que non representa unicamente o investimento no primeiro equipo, senón de todos os empregados da entidade.

Contrasta co incremento da partida de salarios, a redución do investimento en aprovisionamento (compra de materiais) ou en gastos de explotación (desprazamentos, inscricións en competicións, etc.)

No apartado de ingresos, é rechamante a redución da contía de socios e abonados, que caeu un 25,44 % pasando dos 266.732 aos 198.874 euros. Puntualizou Mariño neste apartado que a tempada comezou en outubro e con severas restricións no acceso de afeccionados a recintos deportivos. O que sumado ao medo de moitas persoas para contaxiarse por covid-19 provocou unha importante caída no volume de socios do club e, en consecuencia, de ingresos.

A partida de ingresos por publicidade e comercialización caeu tamén nun 5 % para quedar en 697.661 euros. 

En total, a partida de ingresos ascende a 1,39 millóns de euros, que contrasta cos 1,48 millóns ingresados no curso 2019/2020. Os gastos alcanzaron os 1,44 millóns, o que deixa a conta de perdas e ganancias nos -53.000 euros citados por Mariño ao principio da súa intervención. 

En canto ao balance económico da tempada, chama a atención o aumento da débeda a curto prazo con acredores comerciais, que ascende un 59,20 % ata alcanzar os 194.904 euros. Sobre este aumento, xustificou Mariño que se debe a préstamos a curto prazo que o particular Alfonso García López realiza ao club para que "poida facer fronte a salarios". Neste sentido reivindicou que todos os traballadores do Pontevedra cobran puntualmente e están ao día. 

As débedas a curto prazo con administracións públicas reduciuse un 31 %, mentres que as débedas a longo prazo mantéñense nos 631.000 euros. En total a débeda a 30 de xuño do 2021 era de 1.040.538,55 euros.

En total a débeda a 30 de xuño do 2021 era de 1.040.538,55 euros

O resultado recibiu o visto e prace da maioría dos asistentes á xunta, cun respaldo do 100 % dos alí presentes, salvo unha abstención. Incluídos os representantes do grupo empresarial opositor, que votou incomprensiblemente a favor das mesmas, a pesar de impugnar as contas do exercicio anterior. Tratouse dun erro por falta de atención ou comprensión do funcionamento da asemblea pero que, como ocorre noutras institucións, quedou rexistrado e é inamovible. 

Non foi a única vez que se equivocaron no voto, tamén votaron en contra da delegación de facultades, un trámite intranscendente para a loita polo poder pero vital para unha calquera Sociedade Anónima, que debe ter unha persoa encargada de presentar as contas nos estamentos pertinentes para non incorrer nun delito. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora