O Pontevedra pide axuda á súa afección en Bouzas para achegarse ao campionato

Pontevedra
21 de abril 2015

O club granate busca o apoio dos seus seguidores tras o último tropezo ligueiro e organiza unha viaxe en autocar para acompañar ao equipo no Baltasar Pujales o próximo domingo (18:00 horas)

Bancada de Pasarón durante o Pontevedra-Choco
Bancada de Pasarón durante o Pontevedra-Choco / Diego Torrado

Seis puntos de marxe mantén o Pontevedra á fronte da clasificación de Terceira División con respecto ao Deportivo B, cando restan catro xornadas para o final da liga regular.

Malia o tropezo do pasado domingo en Pasarón ante o Choco, o club granate ten na súa man o campionato ligueiro, que lle daría vantaxe nun play-off para o que xa está clasificado matematicamente, e por iso solicita o apoio dos seus afeccionados no tramo decisivo da competición.

Por iso a entidade pontevedresa empezou a preparar o desprazamento dos seus seguidores a Bouzas habilitando un autocar con motivo do partido que enfrontará ao Pontevedra co Rápido no Baltasar Pujales (18:00 horas)

O prezo deste será de 5 euros, ao que hai que engadir a entrada, que será de 10 euros para o público xeral e de balde para os menores de 14 anos.

Os interesados poden inscribirse nas oficinas do club, no Estadio Municipal de Pasarón ata as 14:00 horas do venres, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

O autobús partirá ás 16:30 horas do domingo dende o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra regrasando ao final do partido.