A praga de lesións remite na casa granate. Despois de varias semanas nas que ata dez xogadores arrastraban diversas doenzas, a normalidade parece regresar a Pasarón coincidindo coa chegada do novo adestrador, Juan Señor.
Nas dúas sesións de traballo que leva o mítico futbolista da Selección, só catro xogadores traballaron á marxe do grupo. Trátase Yelko Pino, ao que aínda lle restan polo menos dúas semanas para reaparecer, o lesionado de longa duración Samu Araújo, o convalenciente Valentín Jaichenco e o uruguaio Gonzalo Bueno, que viu freada a súa adaptación ao grupo por unha lesión que lle impide adestrar xunto ao resto dos seus compañeiros.
Ningún dos catro estará dispoñible para o partido deste domingo ás 12 horas fronte ao Fuenlabrada e, con total seguridade, seguirán estando de baixa a próxima semana para o duelo en Pasarón contra o Alxeciras.
Pola contra, xa están metidos de cheo na dinámica do grupo xogadores que lesións de diversa consideración como Diego Seoane, Ángel Bastos, Derik Osede, Borja Domínguez, Brais Abelenda ou Rufo.
Os seis traballan xa con normalidade e poderán disputar o próximo partido, pero a súa condición física está aínda lonxe de ser óptima. O exlateral do Racing de Ferrol segue con problemas nos seus aductores e tanto Rufo como Brais incorporáronse esta semana por completo á dinámica do primeiro equipo pero aínda necesitan un período de adaptación para diputar os noventa minutos. Borja Domínguez, pola súa banda, evoluciona favorablemente, mentres que Derik e Bastos parecen estar completamente recuperados.