Os bos resultados deportivos que encadeou o Pontevedra CF dende a chegada de Luisito ao banco parecen ter animado a afección. E é que a cifra de abonados alcanzou as 1.895 persoas, un número similar ao que tiña o club ao termo da pasada tempada.
Segundo informa o propio Pontevedra CF nun comunicado, trátanse de "datos esperanzadores" e que lles axuda a encarar o futuro "con maior optimismo". Trátase, sinalan, dun número de abonados "moi positivo a estas alturas da campaña".
O Consello de Administración espera que esta cifra siga crecendo nos próximos meses e se supere de sobra o número de abonados da pasada tempada.
Ademais, dende o club destacan o balance positivo que botan os ingresos obtidos mediante a venda de localidades. Aínda que non cuantifican este aumento, aseguran que o resultado obtido por esta vía se duplicou con respecto ao ano pasado.