O Pontevedra, sen présa e á espera da Segunda División

Pontevedra
01 de xullo 2020

O club granate pretende esperar á finalización da Segunda División para pechar algunhas de incorporacións chamadas a ser importantes a próxima tempada. Coa entrada no mes de xullo son un bo número os xogadores que deixaron de pertencer oficialmente ao Pontevedra mentres non se decide o seu futuro

Roberto Feáns, nun adestramento do Pontevedra en Cerponzóns
Roberto Feáns, nun adestramento do Pontevedra en Cerponzóns / Cristina Saiz

Pasan os días, pasan as semanas e mesmo os meses desde o abrupto fin da tempada e o Pontevedra Club de Fútbol mantén silencio sobre a planificación do plantel. Oficialmente nada se comunicou respecto diso desde que o pasado 13 de marzo se confirmase a cancelación dos adestramentos do equipo, á espera da decisión que despois chegaría sobre a finalización da liga.

Iso non significa que o club granate non leve traballando tempo no seu próximo proxecto deportivo, nun ano de vital importancia para meterse polo menos na nova Segunda B PRO, aínda que o fai sen querer correr demasiado consciente de que o inicio de tempada posiblemente se atrase ata outubro.

Hai un aspecto ademais que está a marcar os movementos, e é que de esguello se mira á Segunda División, aínda en competición, e que non concluirá a súa liga regular ata o 19 de xullo, co play-off de ascenso prolongándose ata principios de agosto.

No Pontevedra, do mesmo xeito que nos últimos anos, desde a parcela de planificación deportiva que dirixe Roberto Feáns queren esperar a ver que xogadores ofrece o mercado unha vez que os equipos de Segunda empecen a pechar os seus planteis, xa que nese nicho de futbolistas pretenden atopar nomes que acheguen calidade e experiencia ao proxecto, ademais de posibles cesións.

Neste último campo, o de cesións, en Pasarón estarían encantados de volver contar con José García, propiedade do Extremadura e que pese ao pouco tempo en Pontevedra deixou grandes sensacións no club. Con todo o posible descenso do conxunto estremeño pode complicar a operación, como tamén o faría a caída a Segunda B do Lugo, que pecharía outra posible vía de préstamos.

Mentres iso non se clarifica, o único seguro é que coa entrada do mes de xullo foron un bo número de xogadores os que deixaron de pertencer oficialmente ao Pontevedra á espera de clarificar o seu futuro, ao finalizar a súa vinculación contractual. Nesta situación están homes como Álvaro Bustos, Pedro Vázquez, Álex Fernández, Sana N'Diaye, Campillo, Berrocal, Nacho López, Santi Figueroa, Rivera ou o lesionado Javi López.

Máis preto parece a continuidade de Romay e Álex González, aínda que o acordo para a súa renovación non se confirmou ata o momento, como tampouco se fixo co adestrador Jesús Ramos.

Por agora contan con praza no equipo o gardameta Edu Sousa, os defensores Victor Vázquez 'Churre', Pol Bueso e Eneko Zabaleta, o centrocampista Adrián Cruz e os dianteiros  Rufo e Adighibe. Tamén Naveira conta cun ano máis de contrato, aínda que a súa continuidade está no aire tras un ano no que apenas gozou de protagonismo no equipo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora