O Pontevedra sobe a Edu Sousa ao primeiro equipo e ficha a Iago Farto como adestrador de porteiros

Pontevedra
20 de xuño 2013

O Pontevedra CF segue configurando o seu proxecto deportivo para a tempada 2013-2014. E este xoves producíronse novidades tanto no cadro de xogadores como no corpo técnico. O club chegou a un acordo co canteirán Edu Sousa para renovar o seu contrato e pechou a fichaxe de Iago Farto, que será o novo adestrador de porteiros

Unha das intervencións de Edu Sousa no partido entre o Pontevedra B e o Portonovo
Unha das intervencións de Edu Sousa no partido entre o Pontevedra B e o Portonovo / Diego Torrado

O Pontevedra CF segue configurando o seu proxecto deportivo para a tempada 2013-2014. E este xoves producíronse novidades tanto no cadro de xogadores como no corpo técnico. O club chegou a un acordo co canteirán Edu Sousa para renovar o seu contrato e pechou a fichaxe de Iago Farto, que será o novo adestrador de porteiros.

No caso de Edu Sousa, o xoven porteiro incorpórase ao primeiro persoal, procedente do filial. Terá ficha co primeiro equipo. Está a piques de cumprir 23 anos e esta tempada foi o porteiro titular do Pontevedra B en 35 dos 38 partidos disputados. Foi ademais internacional sub-17 coa selección española.

Este 'ascenso' non implica, en todo caso, a saída de Lorenzo. O club segue negociando con el para que continúe unha tempada máis e esperan unha resposta positiva. De ser así, Sergio Lloves (xa renovado), Lorenzo e Edu Sousa serían os tres porteiros do equipo a próxima tempada.

Pola súa banda, o Pontevedra CF chegou este xoves a un acordo con Iago Farto. O adestrador de porteiros e o club asinaron un contrato que vincula ao técnico coa entidade granate por unha tempada. Antes de chegar ao conxunto da capital do Lérez, Iago Farto, que este ano non estivo vinculado a ningún equipo, estivo tres tempadas no Montañeros e, previamente, no Bergantiños.

Iago Farto substitúe no cadro técnico do equipo granate ao arxentino Pablo Valente que, ao remate desta tempada, anunciou o seu regreso ao seu país natal.