O Pontevedra viaxa a Talavera coa intención de recuperar os puntos perdidos

Pontevedra
04 de novembro 2017

Nunha das semanas máis duras do campionato, no físico pero tamén no anímico por perder puntos nos dous últimos encontros no tempo de desconto, os granates afrontan un longo desprazamento para visitar este domingo (12:15 horas) ao Talavera

David Añón, durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón Mónica Patxot

Esta sendo unha das semanas máis duras da tempada para o Pontevedra Club de Fútbol. No físico porque varios xogadores seguen con problemas debido ao esforzo de xogar dous partidos en apenas tres días, e no anímico por perder a posibilidade de sumar tres puntos (un en Ponferrada e dous máis ante o Fabril) con senllos goles no tempo de desconto.

A competición non dá tregua e sen tempo para lamentarse os granates deben afrontar unha nova xornada ligueira, e fanno ademais co desprazamento máis longo do ano (693 quilómetros) para visitar este domingo (12:15 horas) ao Talavera.

O conxunto manchego marcha na décimo quinta posición con 13 puntos, un menos que o Pontevedra, pero chega á cita no seu mellor momento da tempada. O equipo adestrado por Fran Alcoy tardou oito xornadas en coñecer a vitoria, pero desde entón gañou tres partidos, empatou un e só perdeu outro, ante o Fabril, o que lle fixo abandonar os postos de descenso.

Importante cita por tanto para os de Luisito, que necesitan recuperar os puntos perdidos para consolidarse polo menos na zona tépeda e poder traballar con tranquilidade.

O técnico segue pendente do estado físico de varios futbolistas, como Adrián Léon, Álex González ou o pichichi David Añón, todos eles con diferentes molestias pero incluídos na convocatoria. A boa noticia será o regreso de Kevin Presa tras a súa sanción dun encontro e a mala a ausencia de Álex Fernández e Carlos Ramos, que se quedaron fóra por problemas musculares.

Deste xeito, os 18 xogadores convocados por Luisito son: Edu Sousa, Anxo Pérez, Miguel Ángel, David Goldar, Bruno Rivada, Álex González, Adrián León, Jorge Hernández, Víctor Mongil, Jesús Berrocal, Marcos Álvarez, Iván Martín, Adrián Mouriño, Kevin Presa, Ion Etxániz, Prosi, David Castro e David Añón.

Pola parte talaverana, a única ausencia para o encontro será a do defensor Chato, lesionado.

O colexiado encargado de dirixir o encontro será o estremeño Antonio Sánchez Sánchez.