O Pontevedra visita o Sporting B sobre aviso: "Para gañar en Xixón temos que facer as cousas moito mellor"

Pontevedra
10 de abril 2021

Os granates xogarán este domingo 11 de abril (12.00 horas) na cidade deportiva de Mareo, en Xixón, en busca dun triunfo que lles faga aumentar a súa distancia cos postos de descenso

Charles, no partido de liga entre Pontevedra e Covadonga en Pasarón Cristina Saiz

Primeira saída do Pontevedra Club de Fútbol na fase pola permanencia na Segunda RFEF. Os granates, colíderes do grupo con 24 puntos, visitan o filial do Real Sporting de Xixón (sextos con 17) este domingo ás 12.00 horas na cidade deportiva de Mareo.

Os pontevedreses viaxan a Asturias sobre aviso, tras o seu apurado triunfo en Pasarón fronte ao Covadonga. "Xa vimos o outro día o difícil que é gañar estes partidos", recoñece Luisito.

Segundo o técnico, esixente cos seus, "para gañar en Xixón temos que facer as cousas moito mellor", asegura.

O conxunto da Boa Vila, que busca un triunfo que lles permita aumentar a súa renda sobre o descenso, conta ademais con atoparse a un rival reforzado con xogadores que se están na dinámica do primeiro equipo, en Segunda División, ao estar programado para este venres o seu partido da xornada. "Conto con que os do primeiro equipo van estar o domingo", sinala Luisito, para quen "os filiais teñen futbolistas dunha calidade individual tremenda".

Pola contra Jorge Fernández perderá a cita por lesión, pero si retornan á convocatoria Imanol tras cumprir un encontro de suspensión e Borja Martínez.

O colexiado do encontro será o rioxano Miguel Sesma Espinosa.