O Pontevedra xuvenil gaña un duelo clave pero exponse a unha denuncia por aliñación indebida

Pontevedra
11 de marzo 2022

Os granates aliñaron un xogador que se atopaba sancionado por acumulación de amoestacións, o que previsiblemente lle fará perder os tres puntos conseguidos no campo do Ural e que lle terían servido para abandonar os postos de descenso en División de Honra. É o seu segundo caso de aliñación indebida esta tempada

Plantel do Pontevedra CF xuvenil que milita na División de Honra
Plantel do Pontevedra CF xuvenil que milita na División de Honra / Pontevedra CF SAD

Por segunda vez esta tempada todo apunta a que o Pontevedra Club de Fútbol xuvenil, que milita na División de Honra, perderá nos despachos o que gañara sobre o terreo de xogo.

O conxunto granate, que nas últimas semanas con David Montes á fronte do equipo conseguira encadear unha dinámica positiva que lle achegaba ao obxectivo da permanencia na máxima categoría, enfrontábase este xoves a domicilio ao Ural nun duelo clave para a salvación aprazado no seu día pola  covid.

No verde o Pontevedra impúxose por 0 goles a 1 cun tanto de Fraga no minuto 14 de xogo, pero o duelo xa estaba condicionado por un grave erro no conxunto de Pasarón ao aliñar na súa formación inicial a un xogador que se atopaba sancionado por acumulación de amoestacións.

"Desde o principio sabiamos que o Pontevedra xogou cun xogador que tiña cinco tarxetas. O partido estaba condicionado por iso. A federación daranos o partido por gando 3-0, un erro pola súa banda", sinalaba o adestrador do Ural, Miguel Corral, á conta de twitter especializada na categoría Juvenil División de Honor.

Pola súa banda David Montes recoñecía a situación: "Temos un xogador sancionado, agora imaxínome que o Ural reclamará o partido e a ver que pasa. Para nós eran tres puntos vitais que nos sacaban do descenso, poñíannos un punto por encima, pero bo non queda outra que seguir".

De feito coa vitoria, a falta da resolución do Comité de Competición ante a máis que probable reclamación, o Pontevedra sae dos postos de descenso con 21 puntos, empatado co primeiro equipo que baixaría, o Arenal.

Os granates xa foran desposuídos do punto conseguido fronte ao Pabellón de Ourense en novembro, naquel caso por permanecer durante uns segundos sobre o terreo de xogo con só seis xogadores con licenza A, do seu primeiro equipo xuvenil, unha menos das obrigatorias.