O pontevedrés Guillermo García, seleccionado para o Mundial junior de ciclismo

Pontevedra
11 de setembro 2017

O ciclista pontevedrés, recente campión de España junior contrarreloxo, é un dos tres corredores seleccionados para representar a España na competición que terá lugar en Bergen, Noruega. Competirá na proba contrarreloxo e tamén na de ruta

Guillermo García, tras proclamarse campión de España junior contrarreloxo Real Federación Española de Ciclismo

Guillermo García Janeiro gañou na estrada o dereito para soñar co Campionato do Mundo de Ciclismo que se disputa dentro de poucos días en Bergen, Noruega.

O corredor pontevedrés do Bathco Team, que recentemente se proclamou campión de España junior contrarreloxo, convenceu con esa actuación no Nacional ao seleccionador, que o incluíu na reducida lista de tres ciclistas que estarán na cita mundialista.

Era o gran obxectivo da tempada de García Janeiro, que acudirá a Noruega coa ilusión de realizar un bo papel, especialmente na loita contra o crono.

Guillermo García debutará no Mundial o martes 19 de setembro na contrarreloxo junior, unha proba que contará con 21,1 quilómetros de percorrido.

Catro xornadas despois, o sábado 23 de setembro, será quenda da proba de fondo en estrada, con 133,8 quilómetros de ruta. Nesta carreira participarán tamén os outros dous españois seleccionados, Carlos García (Fundación Contador), e Ramón Díaz (Fundación Sastre).