O potencial do Racing de Ferrol, ameaza para un Pontevedra que quere afianzarse na zona nobre

Pontevedra
01 de outubro 2016

Pasarón será escenario este domingo (17:00 horas) dun dos partidos máis esperados do ano para os afeccionados granates, o derbi autonómico ante o Racing de Ferrol. Luisito cre que será un partido "duro e complicado para vos dous" no que "espero que esteamos a altura do día do Izarra". Iker Alegre mantense como única baixa nos granates

David Añón, durante un adestramento do Pontevedra na Seca Mónica Patxot

Partido grande o deste domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón, un dos choques máis agardados polos afeccionados do Pontevedra, o derbi galego ante o Racing de Ferrol.

Luisito: "O partido vai ser duro e complicado para os dous"

Os granates esperan manter o seu bo nivel na casa, onde gañaron os seus tres partidos de liga, e consolidarse así na zona nobre da táboa, pero para iso deben superar a un cadro departamental que chega á cidade de Lérez en franca recuperación e "cun potencial de medio campo para adiante tremendo", recoñece Luisito.

O técnico do Pontevedra cre que "o partido vai ser duro e complicado para os dous", polo que será necesario "que esteamos a altura do día do Izarra" para tentar sacar algo positivo, por iso pediralle aos seus imprimir un ritmo elevado "e sobre todo ter a posesión".

"Estamos falando dun equipo que mantén a base dos xogadores da tempada pasada e que firmou futbolistas de moitísimo nivel", explica o adestrador, que non se fía do seu irregular inicio ligueiro.

Michel Alonso: "Es importante dar el nivel de intensidad que va a exigir el partido"

Pola súa banda Míchel Alonso, adestrador do Racing de Ferrol, fala de "rival complicado" para referirse aos granates que "nos va a exigir mucho porque es un equipo de ritmo alto, muy físico y con calidad". Por ese motivo, sinala, "es importante dar el nivel de intensidad que va a exigir el partido".

Todo os ingredientes pois para ver un bo espectáculo que por parte do Pontevedra só se perderá o lesionado Iker Alegre. O resto de futbolistas entraron na convocatoria e como é habitual nos partidos de casa, Luisito realizará varios descartes o mesmo domingo.

Pola súa banda o Racing de Ferrol chega a Pasarón sen Nano Macedo, Aitor Pascual e Ian Mackay. Ademais o ex-granate Dani Benítez non se recuperou totalmente das molestas musculares que lle deixaron fóra de combate nas últimas xornadas.

O partido será arbitrado polo castelán-leonés Alberto González Hernández.