O grupo municipal do PP en Pontevedra propuxo que se ceda aos deportistas profesionais da cidade o material deportivo existente nas instalacións municipais durante o tempo de confinamento motivado polo COVID19 e así llo trasladaron ao Concello; así como a clubs e deportistas cos que están en contacto directo.
Guille Juncal, responsable da área deportiva do grupo popular, sinalaba que "o estado de alarma obrigou a agudizar o enxeño dos nosos atletas para evitar pasar dun adestramento de alto rendemento a un parón en seco. Está nas nosas mans traballar para minimizar os efectos provocados pola crise do COVID19, que afecta de forma directa á preparación física dos nosos deportistas”.
A medida que expoñen considera o concelleiro popular que “lles supoñerá un impulso para alcanzar os seus obxectivos” nunha circunstancia complexa como a actual para estes profesionais que viron aprazadas as súas competicións como o caso dos Xogos Olímpicos.
Juncal tivo ocasión de coñecer durante este tempo excepcional "situacións complexas" entre os deportistas pontevedreses, aos que mostra o apoio e colaboración da súa formación política. De igual forma trasladouse á Concellería de Deportes o seu “compromiso e lealdade” coas medidas tomadas por parte do Concello.