O PP local diríxese por carta aos clubs de Pontevedra: "O deporte volverá máis forte"

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

O concelleiro do Partido Popular e responsable da área deportiva, Guille Juncal, enviou un escrito aos presidentes de todos os clubs deportivos da cidade

Guille Juncal, concelleiro do Partido Popular en Pontevedra
Guille Juncal, concelleiro do Partido Popular en Pontevedra /

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra responsable da área deportiva, Guille Juncal, remitiu este xoves unha carta a todos os clubs deportivos da cidade ante as novas restricións anunciadas pola Xunta.

Nela o edil traslada "o noso apoio e empatía" ante a "situación tan delicada" que están a pasar as entidades deportivas.

Juncal asegura que "entendo e comparto o voso sentimento de frustración ante unha decisión que vén dada pola preocupante tendencia desta terceira onda, que obriga a tomar decisións máis drásticas", defendeu poñendo en valor a xestión dos últimos meses por parte dos clubs deportivos para manter a súa actividade coa maior seguridade posible.

"O deporte volverá máis forte e, desde este grupo municipal, seguiremos defendendo todo o traballo que realizastes e mantendo a mesma postura que todos estes meses", sinala a misiva.

O concelleiro popular conclúe calificando como "comportamento modélico" a actitude dos clubs porque "aínda con ese sentimento lexítimo de frustración e inxustiza que agora sentides, todos sodes conscientes do delicado da situación sanitaria nestes momentos".